Friday 03 de May de 2024

Rematan os traballos de humanización da rúa Ramón Cabanillas


A nova configuración conta cunha vía de plataforma única, 62 bancos e 22 árbores e enmárcase no proxecto da Rolda Peonil

Esta mañá o Concello da Coruña dou por concluído os traballos de humanización da rúa Ramón Cabanillas, no barrio dos Mallos. A reforma integral da rúa vai na liña das máis de 30 actuacións executadas neste mandato polo Goberno de Inés Rey para gañar espazo para os peóns, cunha nova configuración de plataforma única, espazos para mobiliario urbano e prioridade peonil compartida entre viandantes e vehículos autorizados para zonas de carga e descarga ou uso de garaxes.

“A peonalización de Ramón Cabanillas, á que se suman as obras xa executadas de reurbanización e humanización en Mariscal Pardo de Cela e en Oidor Gregorio Tovar, supoñen o maior investimento levado a cabo nos Mallos en melloras da trama urbana en máis de 20 anos, desde a peonalización de Ángel Senra, á que da continuidade”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.

A actuación contempla a integridade da rúa Ramón Cabanillas así como as interseccións coa avenida dos Mallos e a rúa Río Traba. Ademais da renovación do pavimento e a reconfiguración da vía, tamén se renovou da rede de saneamento e iluminación pública substituindo as luminarias en fachadas por columnas con lámpadas LED. No canto do mobiliario urbano, instaláronse 62 bancos de formigón con asentos de madeira de diferente tipo e tamaño, creando ademais un contraste cromático co uso de formigón de cor gris e negra, con zonas de lastra de granito nos bordos do mobiliario e pavimentos podotáctiles nos pasos de peóns. Tamén se dispuxeron papeleiras e colectores semisoterrados e plantáronse un total de 22 novas árbores ao longo da rúa. Ademais executouse a semaforización do paso de peóns da avenida dos Mallos a través de balizas co obxectivo de dar unha maior seguridade aos peóns.

A actuación foi executada pola empresa Vazquez y Reino e contou cun investimento total de 701.990,53 euros procedentes dos 11 millóns captados polo Goberno de Inés Rey na primeira convocatoria dos fondos Next Generation. Nos vindeiros meses comezarán os traballos para a reforma da rúa Sagrada Familia, que contará tamén con financiación europea logo de acadar o total dos fondos solicitados na segunda convocatoria dos Next Generation, e culminará o proxecto de 3,5 quilómetros proxectados neste mandato para a Rolda Peonil, que unirá San Diego co Agra unha vez rematada.